A fonte romana de Lagharellos


Lagharellos é un fermoso recuncho, unha pequena aldea da parroquia de Razamonde, no concello ourensán de Cenlle e na marxe dereita do tramo central do río Miño, ao abeiro do monte e con magnífica orientación cara o mediodía. 

Este lugar está situado ó sur do monte do Santorcado, punto de referencia na arqueoloxía do Miño Central e dos Chaos de Amoeiro por ser un centro cerimonial dende o mundo antigo. Vinculada á inmediata Cidade de Lámbrica (castro de San Cibrao das Las-Ourantes), esta ribeira posúe abundantes -e esquecidos- restos históricos, etnográficos e paisaxísticos que, aínda hoxe, na sociedade da información e da "cultura" continúan a ser pouco valorados. Un exemplo é esta fonte de Lagharellos, en granito e abovedada, de filiación claramente romana.

A dous ou tres quilómetros desta pequena aldea ribeirá de Razamonde está o embarcadoiro de A Barca, pequena aldea con aires de vila e algúns negocios, tendo alí parada o ferrocarril Ourense-Vigo. Por esa razón lle foi trocado o nome polo de "Barbantes-Estación".

Dende esta aldea da Barca existe un camiño tradicional, calzada antiga con treitos enlousados, que remata ás portas do castro da Cidade de Lámbrica, xa nos concellos de Punxín e San Amaro, coñecido habitualmente como Castro de San Cibrao das Las. O aumento de poboación que deu lugar á Cidade de Lámbrica puido ter moito que ver con esta interesante vía de comunicación que, partindo da Barca, tamén enlazaría Miño abaixo coas rutas de navegación atlánticas da Antigüidade.

A fonte de Lagharellos foi moi maltratada polas obras da autovía no ano 1997 e esquecida despois. Actualmente está comesta polas silveiras e cuberta de boa cantidade de terra procedente das obras da autovía e dos aluvións posteriores. Un cartel, tamén comesto polo descoido e o tempo di:

É unha fonte de captación de auga sen pozo, posiblemente para limpar os minerais de ouro e estaño que se extraían nas ladeiras do monte onde se atopan varias bocaminas de época prerromana-romana e que o confirma os restos dun lavadeiro de mineral existente máis abaixo da fonte, nunha propiedade privada, moi preto, xunto con condutos de auga labrados en pedra e cimentación de construcións presumibles da mesma época.

Fonte de construción sumamente singular, de forma abovedada, asentada sobre un xacemento romano."

A boa orientación do lugar e un microclima excelente para o cultivo do viño deberon favorecer a fundación dalgunha mansión ou villa, casa de campo, romana, ao xeito da que se sabe que existiu ao norte de Lagharellos, a carón da igrexa de Eiras, parroquia na que apareceu a ara de Bandua, levada para un pazo aló polo século XVIII. Tamén moi cerca de Lagharellos, temos outra ara reutilizada nunha igrexa, en Santa Lucía de Erbededo

A fonte de Lagharellos, pola súa monumentalidade e pola súa situación na cima da aldea, tivo que servir para satisfacer as necesidades domésticas desa mansión e do poboamento que se iría asentanto arredor dela nos séculos posteriores.

A fonte tamén está situada moi cerca do xacemento arqueolóxico -tamén agredido pola autovía- do Castelo de Laias, onde se rexistrou unha intensa actividade mineira. Debe ser por iso que na información turística, "cenlle-es-ourense-ter-mal" que instalaron na fonte, aluden ao "gran valor minero".

Onde había -que xa non hai- tanques de decantación e canles para o tratamento de minerais era no poboado prerromano do Castelo de Laias. A fonte de Lagharellos parece, máis ben, feita pra labouras domésticas ou agropecuarias, aínda que a súa monumentalidade dá fe de ser promovida por posuidores acomodados. 

A preguiza que se percibe na conservación de tan importante lugar fará, coma sempre, que se vaian perdendo posibilidades de coñecer o noso pasado e a nosa historia, unha teima constante das administracións culturais que nos tocaron, que parecen ter ben claros os obxectivos de que sexamos un pobo culturalmente estéril, cada día un pouco máis. A protección do patrimonio tén que ser algo máis que gastar, de cando en vez, cartos en letreiros que case ninguén le.

Fonte: blogoteca.com/lambrica

Fotogalería