Erbededo

A igrexa de Santo André de Erbededo, ou Ervededo, foi convertida en capela de Santa Lucía despois de suprimirse a parroquia en 1893, sendo repartido o seu territorio entre as freguesías de Razamonde, Cenlle e Trasariz. 

O edificio conserva, a pesar de fábrica da Idade moderna, unha sinxeleza, e unha proporcionalidade que recordan ás das vellas igrexas visigóticas.

Dentro hai unha ara romana con epígrafe repicado. Unha das aras romanas conservadas naquela contorna, cerca da citania de Lámbrica e ao abeiro de templos cristiáns. As outras son a de Eiras e as dúas de Trasariz.

A ara de Erbededo foi visitada por JUAN CARLOS RIVAS FERNÁNDEZ a principios dos anos setenta, publicando a súa descrición nun artigo do Boletín Auriense en 1973. Di así:

"(...) se trata de un ara romana, pequeña y bien proporcionada, aunque actualmente anepígrafa, por haber sido cristianizada en época lejana repicándole su cara epigráfica y grabándole en la misma una sencilla cruz potenzada de brazos iguales."

Tamén fala dunha pía románica con inscrición, que xa daquela, despois dunha "desacertada reforma" (como case todas as reformas nos templos parroquiais destas terras), estaba sostendo o altar. 

CLODIO GONZÁLEZ PÉREZ, Cronista Oficial do Concello de Cenlle, achega datos doutra curiosa pedra, reaproveitada nos muros da construción, cun relevo no que se poden ver uns círculos concéntricos.

Pero o máis marabilloso é que ata os anos setenta había en Erbededo unha talla de tradición románica -aínda que podería ser dos séculos XIV ou XV- dunha Virxe sedente, coroada e co Neno Xesús no colo, ao que agarra con agarimo coa man esquerda. O Neno sostén un libriño aberto coas dúas mans. Falta a man dereita da Virxe.

RIVAS FERNÁNDEZ fíxolle, cando menos, unha fotografía e, no artigo do Boletín Auriense en 1973, referiuse a ela como:

"(...) una extraordinaria, valiosa y apolillada imagen románico-gótica en madera de la Virgen con el Niño, seguramente del siglo XIV y que aún conserva importantes zonas policromadas. Está arrinconada sobre el ara descrita (...)"

No libro de CLODIO GONZÁLEZ PÉREZ, "Cenlle, Historia e Patrimonio", editado en 2017 polo concello de Cenlle, reprodúcese na páxina 89 a fotografía da Virxe de Erbededo que lle fixo RIVAS FERNÁNDEZ. 

A Virxe de Erbededo desapareceu, posiblemente nun roubo, nos anos setenta do século XX. Agradecer a RIVAS FERNÁNDEZ por documentar esta fermosura no seu momento e aos dous autores citados por permitir a súa reprodución.

Bibliografía

RIVAS FERNÁNDEZ, J.C.: "Nuevas aras romanas orensanas y rectificaciones interpretativas en torno a otros epígrafes galaico-romanos ya conocidos" en Boletín Auriense III. Museo Arqueológico Provincial. Ourense. 1973.

GONZÁLEZ PÉREZ, C.: Cenlle. Historia e Patrimonio. Concello de Cenlle. 2017.


A Fareixa

Erbededo está nun fermoso lugar que mira cara o val do río Miño, nunha encosta e á beira dun camiño que leva cara as terras de Vilar de Rei e de Eiras. 

Por riba da aldea de Erbededo está a Fareixa, cunha vella ponte, moi deteriorada, posiblemente nun camiño real. 

Na Fareixa podemos contemplar un espectáculo natural malogrado cunha desafortunada canteira. Unha chamativa caída de auga de máis de vinte metros que formou ao traverso de milleiros de anos unha paisaxe única, escavando a auga impresionantes puzos nas rochas, coma o chamado Meimón.

Ademais da canteira, é denunciable tamén o verquido de augas fecais de todas as aldeas dende Lamego, Andrade, Loucía, Eiras, Cima de Vila, A Lama... e algunha máis, dos concellos de San Amaro e de Cenlle. As obras, da década final do século XX, eran públicas, promovidas polas autoridades que debían velar pola protección destes hábitats. 

Vivían naquelas augas limpas todo tipo de anfibios, reptiles, vermes, peixes e insectos: ras, cobriñas de auga, sambesugas, zapateiros, cabaliños do demo... Mesmo, de cando en vez, antes dos embalses no Miño, subían as anguías pola fervenza. Nas aldeas de augas arriba, o gando bebía á volta do monte (de pastar) ou das labouras. Antes de mover os muíños, a auga tamén era levada aos lameiros e aos eidos, pra poder regar o millo e as patacas. Nas épocas da mata lavábanse as tripas dos porquiños en determinados lugares. Os regueiros daban vida e mantiñan un equilibrio que xa duraba milleiros de anos... ata que viñeron os ignaros a estragalo todo.

Agora, o Fareixa soporta máis caudal de augas fecais que o caudal natural nos meses estivais. Ademais, os deterxentes favorecen a existencia de microorganismos que consumen o osíxeno da auga. Resultado: augas chocas e morte de fauna e flora. Sería tóxico regar ou darlle de beber ao gando.  

Complementábase a fermosura desta paisaxe natural, anterior aos desastres, coa ponte, coa paraxe das adegas e lagares de Bustelo e cos muíños á beira do regato, todos arruinados.

MADOZ, no seu famoso Diccionario Geográfico-Estadístico-Histórico en 1847, fala de que había en Erbededo "6 molinos harineros" que traballaban sete meses do ano. 

Sabemos que os muíños da Fareixa eran tamén utilizados polas xentes das parroquias de Eiras, San Cibrao das Las, Vilar de Rei e, mesmo, de Ourantes. No século XIX tamén funcionou na Fareixa unha central hidroeléctrica.

Da Fareixa á Ermida

Cruzando o regueiro da Fareixa, pola vella ponte, pódese ascender por Marmán e O Couto cara os montes da Ermida, xa na parroquia de Santa Uxía de Eiras.

Un camiñante dos séculos XVI ou XVII atoparía na Ermida, a menos dun quilómetro de Erbededo, un casarío e unha capela dos santos Cosme e Damián. Esta capela da Ermida desapareceu hai moito tempo, pero sabemos da súa existencia por un preito no século XVII no que estaban involucrados os señores do Coto de Pazo de Eiras.

É posible que a capela da Ermida tamén gardara no seu interior unha ara romana, como a que conservan aínda hoxe na capela de Erbededo. 

Podería ser, tamén, unha posibilidade que os donos do pazo de Eiras, que reivindicaban ese lugar da Ermida, transportaran, cando se derrubou a capela, a ara de Bandua para os xardíns do seu pazo en Eiras. 

Fotogalería

¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar