A ara de Eiras

Eiras é unha aldea ourensá do concello do San Amaro, distante menos de dous quilómetros da citania de San Cibrao das Las, LÁMBRICA, onde está unha das citanias máis espectaculares do noroeste peninsular. En Eiras apareceu unha ara romana adicada a Bandua, que foi vítima de interpretacións diverxentes na lectura do seu epígrafe.

A ara, labrada en granito e de propiedade privada, constitúe unha peza de grande importancia para o estudo da sociedade e da relixión no mundo romanizado da península ibérica.

Na súa parte superior conserva o oco ou foculus, no que se queimaban as ofrendas. Presenta un epígrafe nunha soa cara. A inscrición está en latín, con letra capitalis rustica, dividida en cinco liñas que diminúen, moi lixeiramente, en altura de arriba a abaixo. Na base de datos Hispania Epigraphica está catalogada como altar votivo co número 16708.

Hai autores que, sen fundamento algún, afirman que a ara procede do castro de San Cibrao das Las, pero o certo é que a ara está no pazo de Eiras desde tempo inmemorial. Nese soar atopáronse evidencias dunha villa romana (casa de campo), polo que é de sentido común pensar que a ara formase parte desa vila, o que non contradí a súa posible dependencia administrativa ou militar de Lámbrica, se é que aínda non estaba abandoada. Outra villa estivo a uns cinco quilómetros de Eiras, á beira do río Miño, en Lagharellos, onde aínda se conserva unha fonte romana.

Despois da primeira publicación da ara de Eiras, en 1968 por LORENZO FERNÁNDEZ, proseguiron no tempo diversos intentos de interpretación do epígrafe. Algunhas desas lecturas son curiosas pola súa inventiva, pero en todas se considera que figura o nome do castro das Las, tamén castro de Ourantes: *lansbriga, *lanobriga, *alaniobriga... Incluso se chegou a ler *palambrigensi (VIDÁN TORREIRA).

Se observamos o epígrafe con atención, poderemos chegar á conclusión de que en ningunha das lecturas do posible topónimo foi visto o M, a penúltima letra da segunda liña, exceptuando a de VIDÁN TORREIRA, aínda que lera *palambrigensi e non lambricae.

A lectura que podería proporse é a seguinte: 

BANDV / ? LAMB / RICAE AE /MILIVS RE /BVRR(I)N V S

A Bandu / ? de Lamb / rica E / milio Re / burrino

(cumpriu o seu voto) 

O signo de interrogación (?) indica unha letra ou nexo con dúbidas. A letra 'A' final de BANDV / A que len moitos autores non está moi clara por non ser un 'A' ao estilo dos outros do texto. Podería ser ata un 'R' (obsérvese nas fotografías a semellanza coa primeira letra da liña seguinte, que é un 'R'), pero tamén podería tratarse dun nexo, abreviatura ou conxunto de letras pouco habitual. A resolución deste enigma podería explicar o problema de concordancia entre BANDVA e LAMBRICAE. Confiemos en que esta lagoa poida ser resolta pronto. De tódolos xeitos, esta dúbida non afecta ao posible topónimo LÁMBRICA.

Non hai datos arqueolóxicos que confirmen o lugar de aparición da ara de Eiras. A súa ubicación estivo sempre ligada a esta pequena aldea, na contorna da reitoral, da igrexa  e dos pazos de Eiras. Neste lugar de Eiras apareceron restos dunha villa romana, unha casa de labor de certa importancia, polo que é posible que o adicante da ara, Emilio Reburrino, fose algún posuidor desta vila. A súa proximidade ao castro de San Cibrao das Las e Ourantes fainos supor que a vila de Eiras era dependente administrativamente dos moradores na citania. En Eiras, ademais de restos dun mosaico e de tegulae (tellas) romanas, existen uns curiosos perpiaños con decoración reticulada nos muros da igrexa. Non coñecemos a súa función primitiva, pero existen paralelismos moi cercanos no Formigueiro (Amoeiro) e na reitoral de Sagra (O Carballiño). Esta última, curiosamente, outra vila romana.

Tamén hai que facer mención á existencia, a escasos metros ao norte da igrexa de Eiras, dun pequeno monte co microtopónimo O Castro. Existen rumores da aparición, neste monte, dunha pequena escultura antropomorfa en granito.

Un pouco máis alonxado da aldea están os montes das Múas. Nese lugar, chamado tamén A Ermida, sabemos da existencia dunha antiga capela, hoxe desaparecida, dedicada aos santos Cosme e Damián. 

A Pátera Araugelensis (Museo Arqueolóxico de Badajoz) pode ilustrarnos sobre a forma de facer ofrendas ou libacións, en diversas aras e nun entorno de natureza ou campestre. En tres desas aras vemos que xa arden as ofrendas en cada foculus. A oferente ten atributos da deusa Fortuna, portando o corno da abundancia na man esquerda e a coroa dunha cidade na cabeza. Na man dereita mantén unha pátera ou prato.
Interesante o ambiente "rural", con rochas e arbustos, o que nos pode trasladar a esceas parecidas que puideron producirse nas posesións de Emilio Reburrino, entre a fonte romana de Lagharellos e a villa que precedeu ás actuais casa reitoral e igrexa en Eiras. Ou sexa, nos montes das Múas e da Ermida.

Aquí podería estar a orixe da enigmática ara, pois son abundantes os casos nos que os altares romanos se conservaron, reutilizados, dentro de edificios de culto cristián. Coa desaparición da capela, dentro de terras dos señores do pazo de Eiras, non é difícil pensar que poidesen levala para o seu xardín, coa nova función de soster unha mesa de pedra. Máis abaixo voltaremos sobre isto.

Ao contrario que *Lansbrica, Lámbrica é un topónimo coñecido na Antigüidade, citado por Pomponio Mela. Houbo numerosos intentos de ubicala, con bastante pouco fundamento, en diversos lugares de Galicia e Portugal, pero non hai datos suficientes para asegurar que a cidade citada por este xeógrafo clásico sexa ningunha das propostas. O que parece indubitable é que este topónimo existía en Galicia, sendo susceptible de poderse repetir en lugares distantes.

Por iso podemos estar case seguros de que tamén debeu servir para denominar a unha cidade fortificada das máis poderosas no Noroeste, a citania da Chaira, entre as actuais parroquias de San Cibrao das Las e de San Xoán de Ourantes, se consideramos que BANDV (?) LAMBRICAE (Bandua de Lámbrica?), na inscrición da ara de Eiras, se refire a un Bandua diste poboamento castrexo ou da súa área de influenza. 

Bandua é unha divinidade da Idade do Ferro que tivo culto nunha gran parte de Lusitania e no sur da Gallaecia. Por algunha razón, este culto volveuse espallar a finais da época romana, sendo deste período do que conservamos os epígrafes en latín, maioritariamente en aras, que dan fe da extensión do seu culto.

Lámbrica, ou LAMBRIGA, de Lam ([tʃan], posiblemente chao ou chaira), e -briga (cidade ou fortaleza en altura) significaría A Cidade Forte da Chaira ou A Cidade Forte dos Chaos.

Lámbrica sería o nome antigo da citania de San Cibrao das Las e Ourantes, e Emilio Reburrino un posible praefectus pagi ou xefe local que rexentaría, na cercana vila de Eiras, un dos máis que probables establecementos agropecuarios imprescindibles para alimentar á poboación daquela grande citania, na que traballaban a diario, sen acceso directo aos labradíos das veigas de Andrade, Loucía, Eiras e Cristimil, metalúrxicos, orfebres, oleiros, tecedeiros, canteiros e guerreiros.


Sobre a procedencia da ara 


Estará na Ermida a orixe da ara de Bandua?

Ao sur da parroquia de Santa Uxía de Eiras existe unha paraxe denominada As Múas, coñecida tamén co nome de O Couto ou A Ermida. Alí existe una rocha con petroglifos, cunha curiosa disposición de motivos circulares e coviñas. 

As Múas é un terreo con vetas estanníferas (casiterita, mineral de estaño, estratéxico na Idade do Bronce). Tamén se detectou polos arredores a presenza de ouro.

Na Ermida, ademais da propia representación de petroglifos, existe unha mámoa (dolmen) e un cruceiro. O topónimo parece obedecer á presenza dunha antiga ermida ou capela, confirmada por un documento conservado no Arquivo do Reino de Galicia, un preito do Comendador de Pazos de Arenteiro e don Xacinto Vázquez de Toubes con dona Sabela Vázquez de Toubes sobre reivindicación do lugar e granxa das MÚAS, anexa á ERMIDA de SAN COSME E SAN DAMIÁN na feligresía de Santa Uxía de Eiras, xurisdición de Roucos, cara a 1695.

A sacralidade do lugar estaría, logo, asegurada pola presenza desa antiga ermida, xa desaparecida, pero que deixou o seu recordo no microtopónimo. A capela sería a cristianización de máis que posibles antigos cultos, testificados pola mámoa existente no lugar e pola rocha con petroglifos. O cruceiro, que aínda se pode ver, sinala a cristianización desta contorna, á vez que recorda á capela desaparecida.

As Múas (tamén coñecidas como O Couto ou A Ermida) eran terreos que pertencían aos señores do Coto de Pazo, xurisdición dentro da parroquia de Santa Uxía de Eiras. Son constantes as alusións en libros de visitas parroquiais á destrución de capelas no século XVIII debido ao su estado de abandono ou deterioro. Se a ara de Bandua estivese nesa ermida desaparecida, sería natural que algún dos señores do pazo de Eiras a levase pra o seu xardín. 

A bancada de pedra arredor da ara no xardín do pazo, que aínda pode verse nas fotografías de 2007, semella ser labrada nesa época do XVIII, á medida da mesa que era sostida pola propia ara. 

Sería así, tendo conta dunha mesa de pedra e rodeada por una bancada, como se conservou e como chegou ata o século XXI a misteriosa ara de Bandua de Eiras.

Fonte: blogoteca.com/lambrica. Setembro 2019


Fotogalería

Bibliografía

GONZÁLEZ IGLESIAS, F.: "O patrimonio, esquecido, no San Amaro. Análise da situación do patrimonio nun concello rural na provincia de Ourense" en Ágora do Orcellón 17. Páx. 38-52. Instituto de Estudos Carballiñeses. Vigo. Marzo de 2009. ISSN 1577-3205.

GONZÁLEZ IGLESIAS, F.: "A ara de Eiras e o topónimo Lámbrica" en Ágora do Orcellón 35. Páx. 17-33. Instituto de Estudos Carballiñeses. Vigo. Xuño de 2019. ISSN 1577-3205.

¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar