A Ermida

O nome da Ermida, nunha paraxe chamada tamén As Múas ou O Couto, é recordo dunha antiga capela, da que se conservan documentos que falan da súa existencia a finais do século XVII. 

O topónimo procede da presenza dunha antiga ermida ou capela, da que fala un documento conservado no Arquivo do Reino de Galicia, un preito do Comendador de Pazos de Arenteiro e don Xacinto Vázquez de Toubes con dona Sabela Vázquez de Toubes sobre reivindicación do lugar e granxa de AS MÚAS, anexa á ERMIDA de SAN COSME E SAN DAMIÁN na feligresía de Santa Uxía de Eiras, xurisdición de Roucos en 1695.  

Preside o lugar un sinxelo cruceiro con cruz de brazos iguais, erguido sobre un varal octogonal barroco. A cruz semella ser anterior. Trátase, ademais do recordo dunha ermida, da cristianización dun lugar de culto anterior, posiblemente relacionado con Bandua.

A poucos metros hai indicios dunha mámoa e a tradición oral recórdanos que alí "enterrábanse os mouros". Non sabemos se os de Lámbrica...

Pola parte oriental do cruceiro, e a non moita distancia, antes de chegar ás minas das Múas, atopamos a rocha ou peneda dos petroglifos da Ermida.

Espolio

A menos de trinta metros da peneda dos petroglifos, ao lado dun camiño, existía unha formación granítica de tres penedas con formas caprichosas froito da erosión.

Unha delas era esta pedra, que foi levada para o castro de San Cibrao das Las, onde se fixeron estas dúas fotografías. 

Seica foi vendida polas autoridades de Eiras aos comuneiros de San Cibrao das Las por unhas setenta e cinco mil pesetas, aló pola década dos anos oitenta. Querían facer unha fonte con ela. O caso é que apareceu no parque que querían facer na citania de San Cibrao das Las, Lámbrica.

Outra pedra de menor tamaño, que estaba entre esta e a dos petroglifos, tamén desapareceu. Tiña formas da erosión e marcas raídas, posiblemente antrópicas. Desapareceu.  

Este grupo de penedas, que chamaban a atención polas formas traballadas pola natureza durante milleiros de anos, deben asociarse con lugares de reunión ou de culto ancestrais, asembleas ou reunións ás que non serían alleas as insculturas ou petroglifos inmediatos. Tamén debemos recordar que a menos de douscentos metros hai unha mámoa e que alí, na Ermida, xusto ao suroeste da citania de Lámbrica, enterrábanse os mouros, segundo manifesta a tradición oral secular naquela parroquia.

Fotogalería

¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar